Sunday 05 de May de 2024

Avanza o proceso de incorporación da Policía local pobrense ao sistema VioGén


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Javier Jambrina; procederon, en xunta local de seguridade, coa sinatura do protocolo de colaboración e coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía local para a protección das vítimas de violencia de xénero. Constitúe o paso previo á rúbrica do convenio entre o Ministerio do Interior e o Concello que materializará a incorporación do corpo policial pobrense ao sistema VioGén.

Afiánzase, polo tanto, a colaboración entre os efectivos neste ámbito cunha serie de pautas de actuación para garanti-la máis eficaz intervención e un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles. Neste senso, acordouse a constitución da mesa de coordinación policial.

Con A Pobra, serán xa 16 os concellos da provincia da Coruña que se integran neste sistema que permitira á Policía local dispoñer de máis información sobre os casos activos de violencia machista para que os/as propios/as axentes a asumir o seguimento e control dalgúns, xeralmente daqueles considerados de nivel de risco baixo ou non apreciado, mentres que a Garda Civil asumirá os de maior risco.

A rúbrica deste protocolo supón un paso máis en materia de igualdade trala constitución no mes de xuño da Mesa Local de Coordinación Insterinstitucional contra a Violencia de Xénero para promover políticas e accións para a detección precoz desta lacra social, así como erixirse como ferramenta para a sensibilización da veciñanza e dar unha resposta moito máis áxil ás vítimas.

Unhas medidas significativas, pois actualmente hai activos máis de 1950 casos de violencia machista na provincia segundo apuntou a subdelegada. “Seguiremos traballando de maneira continuada para tódalas mulleres deste país e desta provincia, que saiban que non están soas e que estamos ao seu carón traballando polo seu benestar e pola súa seguridade”, declarou.

Rivas destacou, ademais, a recente concesión dunha partida de 3.168 euros ao Concello para desenvolver o Pacto de Estado fronte á Violencia de Xénero. Uns fondos que se destinarán a programas para a erradicación da violencia sobre a muller.

Durante a xuntanza tamén se determinaron as medidas de cara as festas do Nazareno para consolida-la seguridade nun evento festivo tan multitudinario. O mandatario local manifestou que xa hai experiencia na organización deste operativo, pero igualmente resulta complexo e agárdase unha afluencia de xente considerable. Analizáronse os episodios violentos producidos noutras celebracións para así estudar como prever enfrontamentos. Aproveitou a ocasión para trasladar o seu agradecemento á Subdelegación pola súa disposición durante os incendios que afectaron recentemente a municipios da comarca.

O concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), anunciou que se solicitará a colaboración da Axencia Galega de Emerxencias e doutras institucións para a prestación de medios humanos e materiais que intensifiquen o operativo deseñado. Para contribuír a uns festexos libres de agresións machistas, o Concello tamén establecerá un Punto Violeta constante para as xornadas do 16 e 17 de setembro, que será atendido por unha educadora social con formación en igualdade, ademais de contar con outro móbil co repartimento de material informativo e a opción de atención telefónica. Este servizo verase reforzado con outras medidas nas que se está traballando.

Neste encontro tamén participaron a vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno na Coruña, Eva Vázquez; a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno na Coruña, María Isabel Álvarez; e responsables da Garda Civil, da Policía autonómica, da Policía local e da Protección civil.